Caamaño&Ameixeiras actuarán este sábado no Auditorio da Fábrica de Oleiros

ACoruñaXa
O dúo galego ligado á música e ao baile de raíz actuarán como parte do XI Ciclo de Música: Voces cálidas para noites de inverno no Auditorio A Fábrica de Perillo
Imaxe de Caamaño&Ameixeiras
28 Feb 2024

O XI Ciclo de Música: Voces cálidas para noites de inverno enmarcado na programación cultural de Oleiros traerá este sábado 2 de marzo a Fábrica o concerto de Caamaño&Ameixeiras. O evento será ás 20.30 horas e as entradas poñeranse á venda o día do concerto no propio auditorio a partir das 19.30 horas a un prezo de 4 euros.

Caamaño&Ameixeiras está formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz), un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz. Desde o seu nacemento, en 2018, este dúo conta cunha intensa traxectoria, tanto a nivel nacional como internacional. Tomando como punto de partida a tradición, o dúo consegue crear unha linguaxe propia e única, con composicións e arranxos persoais e vivos que manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos e situando a emoción en primeiro plano.

Logo do éxito colleitado no seu primeiro traballo discográfico, 'Aire!' (Segell Microscopi, 2021) (Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de Folk, 1º Premio no Folkez Blai 2021 (Ermua, País Vasco), Premio Opinión da Música de Raíz ao disco do ano 2021), producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz e con colaboracións tan destacadas como a de Sílvia Pérez Cruz ou Fetén Fetén, o dúo lanza en outubro de 2023 o seu segundo álbum.

En 'Quitar o aire' (Raso Estudio, 2023), con Hevi (Malandrómeda) aos mandos da produción, Caamaño&Ameixeiras resignifican e actualizan os códigos da música de raíz.

 

0.18184494972229