Burger Manía aterriza en Ordes co seu campionato estatal de hamburguesas


Ordes vivirá esta fin de semana unha intensa experiencia gastronómica coa chegada de Burger Manía, o macroevento dedicado ás hamburguesas. A actividade terá lugar na gran carpa instalada na Praza Campo da Feira, un recinto cuberto e acondicionado ao que se poderá acceder de forma gratuíta até completar aforo.
Durante catro días, diversos food trucks procedentes de restaurantes de toda España presentarán máis de vinte variedades de hamburguesas, desde as propostas máis clásicas ata creacións de autor. O público será o auténtico xurado do certame: as persoas asistentes poderán degustar as distintas receitas e votar polas súas favoritas. As hamburguesas máis valoradas pasarán á gran final, que se celebrará nun evento específico.
Burger Manía está pensado como un plan de ocio familiar. Ademais de menú infantil, haberá alternativas adaptadas para persoas celíacas, co obxectivo de que ninguén quede sen probar as especialidades da carpa. Para pechar a experiencia, o recinto contará tamén cun food truck especializado en tartas de queixo, pensado para poñer o toque doce á visita.
A organización destaca que, ademais da oferta culinaria, a carpa ofrecerá música ambiente e un espazo cómodo para compartir mesa e conversa, convertendo o evento nun punto de encontro para veciñanza e visitantes. O horario de apertura en Ordes será o seguinte: o venres de 19.00 a 24.00 horas e sábado e domingo de 13.00 a 16.00 e de 19.00 a 24.00 horas.