ste mércores, 14 de agosto, as Noites de María Pita despediranse cunha actuación de Budiño, un dos grandes referentes da música galega. O concerto, que será o broche final das Festas de María Pita, contará cunha programación chea de música galega, tal como ocorreu o ano pasado con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. O Goberno de Inés Rey organizou un programa variado para todos os públicos e idades.
Budiño ofrecerá un espectáculo moi especial para o público coruñés, coa participación confirmada de Mercedes Peón, Vega, Libeliñas e Tarandeiras de Xacarandaina, e Nekane Louzao. O músico e compositor, que fusiona os sons da tradición musical galega coa electrónica máis vangardista, presentará o seu oitavo álbum, ‘Branca Vela’, e interpretará tamén algúns dos seus éxitos, despois de máis de 25 anos de traxectoria. O concerto será precedido por Pansenfron, que actuará ás 21.00 horas.
Así, a actuación de Budiño marcará o final dunha nova edición das Noites de María Pita, que este ano contou coa participación de numerosos artistas de diferentes estilos e atraeu a milleiros de coruñeses e coruñesas. Kate Ryan, Mocedades, Los Panchos, Los Planetas, Rock en Familia, Omar Montes, La Plazuela e Ariel Rot foron algúns dos artistas que formaron parte do cartel deste evento, que continuará durante o resto do mes na cidade.
Servizo especial de transporte
Co remate das Noites de María Pita, tamén se restablecerá o servizo especial de transporte, co obxectivo de reforzar as liñas de autobús ao finalizar os concertos na praza. O servizo terá saídas centralizadas en Porta Real a partir das 23.30 horas e as liñas que se reforzarán serán as seguintes:
- Liña 1, con cobertura ás zonas da Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón e a avenida de Monelos.
- Liña 1-A, con cobertura ás zonas de Catro Camiños, a avenida Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís.
- Liña 3-A, con cobertura ás zonas de Labañou e Os Rosales.
- Liña 6, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida de Fisterra, O Ventorrillo e Meicende.
- Liña 7, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O Ventorrillo e Vila de Negreira.
- Liña 11, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla e Cancela e Os Mallos.
- Liña 21, con cobertura ás zonas de Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque e Novo Mesoiro.