Buba e Sarela Conde impoñen ritmo en Betanzos na segunda cita da Copa Galicia de Ciclocrós

O VIII Ciclocrós Concello de Betanzos, organizado polo Caimanes Betanzos no Parque do Pasatempo, acolleu a segunda proba da Copa Galicia 25–26. Sobre un trazado seco e moi técnico, os sub-23 Ricardo Buba (Coruxo) e Sarela Conde (Academia Postal–Maceda) fixeron valer a súa explosividade para asinar as vitorias absolutas masculina e feminina, respectivamente. Na carreira raíña, Buba gañou tras 59:39 por diante de Fabián Rodríguez (Cambre) —primeiro elite— e de Luis Fernández Oliveira (Avanza–O Porriño), novo líder elite da competición. Entre as mulleres, Conde dominou con autoridade, por diante de Uxía Soto (Extol–Zambora.es) e Sara Peón (XSM), que ascendeu ao liderado sub-23.
A xornada estivo cargada de emoción en todas as categorías: nos cadetes, Aarón Rodríguez (Lynalfa–Ponteareas) impúxose nun esprint axustado a Pedro Cidrás (XSM); en junior masculino venceu Jorge Lorenzo (Lynalfa–Ponteareas), mentres que en junior feminino brilou a local Xiana Seijo (Caimanes Betanzos). Nos Máster, os triunfos foron para Jonathan Sousa (M30), Constantino Muñoz (M40), Eloy Otero (M50) e Manuel Bugallo (M60); entre as mulleres, Carolina Palomanes (M30) e Beatriz Vicente (M40) levaron o primeiro posto. O Lynalfa–Ponteareas repetiu como mellor club da xornada.
A proba reuniu 261 participantes e estivo marcada pola homenaxe a Rodrigo Filgueiras, exdirectivo e corredor do club organizador, falecido o día anterior; o equipo anfitrión competiu con brazalete negro. En total, a clasificación xeral experimentou 12 cambios de líderes tras esta segunda parada do calendario autonómico. A Copa continuará o vindeiro domingo co II CX Concello de Taboada.