Bruno Calvo, do Judo Club Culleredo, convocado coa Selección Española Júnior

ACoruñaXa
Participará nunha concentración co equipo nacional en Pamplona do próximo 31 de marzo ao 3 de abril
judoka-culleredo
26 Feb 2025

O judoca cullerdense Bruno Calvo, deportista do Judo Club Culleredo, foi convocado coa Selección Española Júnior de judo. O deportista, que está a asinar unha gran tempada en canto a resultados, participará nunha concentración co equipo nacional en Pamplona do próximo 31 de marzo ao 3 de abril. Trátase dunha convocatoria para asistir a varias sesións de adestramentos na que foron citados os mellores de cada peso a nivel estatal e na que o judoca poderá practicar e mellorar o seu nivel.

Calvo, veciño de Vilaboa, proclamouse campión galego júnior a comezos deste mes de febreiro na categoría de -81 kg do Campionato Galego de Judo, celebrado en Ferrol. Porén, esta foi só a última vitoria dunha tempada deportiva na que non se baixou do podio na categoría júnior en ningunha competición, destacando tanto nas probas galegas como nas nacionais.

Antes de incorporarse á selección española, o cullerdense competirá na Copa de Europa Júnior en Portimão (Portugal) o 8 de marzo e na Fase Final do Campionato de España en Pamplona o último fin de semana do mesmo mes. Unha vez finalizada a competición, Calvo quedará na capital navarra para asistir aos adestramentos co combinado nacional.

A primeira tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, quixo felicitar ao deportista en nome do Concello de Culleredo pola súa convocatoria, destacando que esta chamada da selección española "é o premio a unha gran tempada e a mostra do gran nivel deportivo que temos en Culleredo en múltiples disciplinas". Pardo tamén lle trasladou ao deportista "a mellor das sortes nesta convocatoria, que agardamos se poida repetir en futuras ocasións, e nas vindeiras competicións".

 

⚙ Configurar cookies
0.17212891578674