Bribes volve converter a Horta do Mosteiro nun belén vivente este domingo

A parroquia de Bribes prepararase este domingo 14 de decembro para unha das citas máis agardadas do Nadal no municipio de Cambre: o Belén Vivente na Horta do Mosteiro, un espazo do antigo mosteiro que, durante unhas horas, se transforma nun escenario no que conviven o nacemento de Xesús e estampas tradicionais da vida rural galega. A actividade abrirá en dúas franxas, de 11.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas, e contará con figurantes caracterizados que darán vida a diferentes escenas e oficios, nun formato pensado para o paseo e a visita en familia.
A xornada completarase cun xantar popular na carpa ás 14.30 horas, cun menú de laconada, sobremesa e café, e cun concerto de Nadal ás 18.00 horas na Igrexa de San Cibrao de Bribes. Ao remate, está previsto un brinde para pechar a celebración.
O Belén Vivente de Bribes está impulsado pola asociación veciñal O Cruceiro, coa colaboración do Concello de Cambre, e nos últimos anos contou tamén co apoio da Fundación Venancio Salcines. A organización subliña cada edición o carácter comunitario dunha proposta que mobiliza a veciñanza e que se consolidou como un reclamo para visitantes de toda a contorna.