Branca Trigo Cabaleiro recibe o Premio de Poesía de Carral por unha obra “radical e transgresora”

O Concello de Carral celebrou esta tarde a gala de entrega da XXVIII edición do Premio de Poesía, un acto que tivo como protagonista a poeta viguesa Branca Trigo Cabaleiro, gañadora do certame co seu libro Especies invasoras. O xurado decidiu por unanimidade recoñecer esta obra, que foi definida como “un libro de poemas que explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural”.
A gala, celebrada como peche do certame, contou coa presenza do alcalde, Javier Gestal, membros da corporación municipal, o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, o crítico literario e membro do xurado Armando Requeixo, e o poeta Anxo Mena, ademais das autoras premiadas nas dúas últimas edicións: Branca Trigo e Silvia Penas Estévez, vencedora en 2024 co poemario A pel do exilio, presentado tamén durante o evento. O técnico de Cultura Carlos Lorenzo foi o encargado de conducir o acto.
O rexedor carralés destacou na súa intervención a importancia deste premio no panorama literario galego: “Os traballos das gañadoras contribúen a que Carral siga sendo un auténtico referente neste xénero”.
A cita incluíu a intervención escénica O Ritual, a cargo de Constance Hurlé, que fusionou poesía, danzateatro e bruxería, creando unha cerimonia participativa que involucrou ao público. Posteriormente, Silvia Penas realizou un recital de poemas do seu libro e asinou exemplares para os asistentes.
O xurado valorou Especies invasoras pola súa capacidade para utilizar a metáfora da invasión biolóxica como fío condutor de temas tan profundos como o corpo, a casa ou a memoria. Subliñouse a “estrutura fractal, a forza imaxinativa e a capacidade para fundir o íntimo e o colectivo nunha linguaxe poética profundamente innovadora e transgresora”.
Nacida en Vigo en 1997, Branca Trigo Cabaleiro é poeta, editora e dinamizadora cultural. Codirixe Edicións Malafera, onde publicou títulos como Coñecemento do medo ou trans0, ademais de participar en obras colectivas como Gótico Urbano. O seu traballo habita a intersección entre poesía e outras disciplinas artísticas, a través de proxectos como Poetry Sniping: Simulacro ou accións conxuntas coa pintura de Ramón Trigo.
Impulsora do micro aberto Cerimonia de Gaivotas, tamén coordina obradoiros de creación e está a desenvolver unha tese de doutoramento na Universidade de Vigo sobre a monstruosidade queer na poesía galega contemporánea.
Ademais da dotación económica, a súa obra pasará a formar parte da colección poética de Edicións Espiral Maior. O certame contou un ano máis coa colaboración da Xunta de Galicia.