Bonnie Tyler, Zahara, Baiuca, Uxía e Coti lideran o cartel das Festas de María Pita 2025

Xa se coñece a programación das Festas de María Pita 2025, que nesta edición conmemoran o 175 aniversario da súa orixe, en 1850. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, realizou a presentación, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a pregoeira Rosa Cedrón; e o autor do cartel, o ilustrador coruñés Álvaro Dorda.
“As Festas de María Pita nos situarán como o gran referente galego do ocio durante o mes de agosto grazas a unha programación variada e de gran calidade”, destacou Inés Rey. “Agosto é o mes no que sae toda esa efervescencia festeira que temos na cidade e ese orgullo koruño polo noso e por iso quixemos ir do concreto ao xeral e do local ao internacional”, engadiu.
A praza de María Pita será o epicentro festivo cunha oferta musical para todos os públicos. As Noites de María Pita abrirán o 1 de agosto co pregón de Rosa Cedrón, “unha das intérpretes máis recoñecidas da música galega contemporánea”, segundo sinalou a alcaldesa. Cedrón iniciou a súa traxectoria como violonchelista e acadou gran popularidade como vocalista de Luar na Lubre.
Na parte musical, actuarán Baiuca (día 1), Bonnie Tyler (día 2), Marina Reche (día 3), Los Sirex e Los Rebeldes (día 4), e o espectáculo Los40 Summer Live (día 5). Tras o Festival Noroeste Estrella Galicia, cuxo cartel se anunciará en breve, volverán os concertos o día 10 con Zahara, seguidos de Rock en Familia (día 11), unha homenaxe a Sito Sedes con Los Satélites (día 12), Uxía con convidados (día 13) e o evento Locos por la Música (día 14). Pecharán o ciclo Coti (día 17) e Vega (día 25).
Entre as novidades destaca a exposición As Festas de María Pita a través dos seus carteis, que se poderá visitar no Obelisco desde o día 1, e do 18 ao 31 en Marineda City.
O Certame de Habaneras, que cumpre 40 anos, celebrarase na praza de María Pita do 6 ao 9 de agosto. A Semana Clásica contará coas actuacións da Orquestra GAOS con Pedro Guerra (día 20), a Orquestra de Cámara Galega (día 21), a Orquestra Sinfónica de Galicia (día 23) e a Banda Municipal (día 24).
A programación esténdese máis alá da praza. O Festival Noroeste celebrarase do 6 ao 9 de agosto e incluirá un concerto de Luar na Lubre en Riazor. Do 11 ao 19 será a quenda de Viñetas desde o Atlántico, con máis de 70 autores, 20 exposicións e máis de 100 actividades.
Do 1 ao 10 de agosto terá lugar a Feira do Libro, e do 14 ao 31, a Feira do Libro Antigo e de Ocasión. A feira de artesanía Mostrart estará presente todo o mes con máis de 60 obradoiros.
O Trofeo Teresa Herrera disputarase o día 9 en Riazor, co Deportivo (masculino e feminino) enfrontándose ao Le Havre AC e SC Braga. O ciclo Cascarillarte volverá levar cultura aos barrios, mentres que o Festival Internacional de Folclore terá lugar no Campo da Leña do 13 ao 17, con acto central o sábado 16 en María Pita.
O evento de música urbana Beatout Week celebrarase no auditorio de Santa Margarida do 21 ao 23. A tradicional Batalla Naval será o 15 de agosto nas praias do Orzán e Riazor.
As festas de barrio terán un papel destacado: Oza-Gaiteira-Os Castros (15-17), Castrillón (20-22, con Tam Tam Go! o día 21), Sagrada Familia (22-24) e Pedralonga (día 23). O 16, o Parque Europa acollerá Lembranza Rock con Sés, Ruxe Ruxe e Rebeliom do Inframundo.
Un agosto intenso e diverso, que mestura celebración, memoria e cultura para conmemorar os 175 anos dunha das festas máis emblemáticas de Galicia.