Boedo celebra a súa XIX Gran Cigalada con 1.300 quilos de marisco e tres días de festa

O lugar de Boedo, pertencente á parroquia cullerdense de Veiga, prepárase para unha fin de semana chea de sabor e tradición coa celebración da XIX edición da súa Gran Cigalada. Trátase dunha das citas máis esperadas do verán no municipio, organizada coa colaboración do Concello de Culleredo.
A festa arrincará este sábado 23 de agosto ás 19.00 horas coa preparación e degustación de máis de 1.300 quilos de cigalas, servidas con pan e viño. As racións, que inclúen arredor de once pezas, terán un prezo de 17 euros. A xornada gastronómica continuará cunha verbena a cargo da Orquestra Unión y Fuerza e Disco CDC, que prolongarán a diversión ata a madrugada.
O domingo 24 estará dedicado a San Roque. Ás 13.00 horas celebrarase unha misa solemne no Centro Social, seguida do tradicional sorteo do porco. A música volverá ser protagonista na sesión vermú e na verbena nocturna, que contará coa actuación da Orquestra Lume.
As celebracións concluirán o luns 25, día de San Antón, cunha sesión vermú ofrecida por La Bamba. Pola tarde haberá xogos infantís e actividades de mesa para as persoas maiores, e xa á noite pecharase a festa coas actuacións de La Bamba e o Grupo Bomba.