BNG pide á Xunta financiar a recuperación pública da antiga fábrica da Cros do Burgo tras o veto do PP no Parlamento

ACoruñaXa
Iria Taibo critica que os populares bloqueasen unha PNL que apostaba por converter as naves nun equipamento público para a veciñanza de Culleredo
CULLEREDO la cros
20 Sep 2025

O BNG instou á Xunta de Galicia a financiar a recuperación íntegramente pública da antiga fábrica da Cros do Burgo, despois de que o PP rexeitase na Comisión de Industria a Proposición non de Lei nacionalista que propoñía destinar fondos autonómicos á rehabilitación do complexo para usos sociais e comunitarios.

A deputada Iria Taibo acusou ao PP de “poñerse do lado da privatización do patrimonio público”, ao rexeitar unha saída que, di, permitiría poñer en valor 15.000 m² de solo público como centro e servizos para a cidadanía. Taibo cuestiona tamén a oportunidade de ceder o conxunto a unha entidade privada “con facturación millonaria”, en referencia á Fundación CETIM, e sinala que a cifra que a propia entidade publicitaba na web “desapareceu recentemente”.

A iniciativa do BNG reorientaba o destino das naves: no canto da adxudicación directa a unha fundación, pedía fondos da Xunta para rehabilitar e abrir o espazo á veciñanza. “Seguiremos traballando para que a Cros sexa da xente de Culleredo”, concluíu Taibo, advertindo de que sen apoio autonómico o risco é manter o abandono ou acabar cedendo a intereses privados.

O goberno local de Culleredo prevé volver levar a Pleno a cesión demanial das naves da Cros á Fundación CETIM, operación xa rexeitada en 2024 e hoxe en negociación co PP, que reclama límites temporais, reserva dun espazo municipal, canon social e unha comisión de seguimento con só concelleiros.

⚙ Configurar cookies
0.10689306259155