BNG e PP de A Coruña valoran a licitación do novo contrato de Nostián

ACoruñaXa
Os populares esixen explicacións e os nacionalistas demandan información transparente sobre o "acordo extraxudicial"
Salón do pleno na Coruña
25 Feb 2025

O BNG da Coruña transmite que agarda que desta volta se cumpran os novos prazos anunciados polo Goberno Local (segundo semestre deste 2025) para a licitación do novo contrato de Nostián.

Francisco Jorquera, portavoz do BNG, destacou que a licitación do novo contrato debería estar en marcha para o segundo semestre de 2025, pero o retraso acumulado só acentuou os problemas que afectan á planta. Os nacionalistas esixen máis transparencia no acordo extraxudicial e lembran que o Goberno de Inés Rey non cumpriu coas súas promesas anteriores de licitar o servizo antes da finalización do contrato.

“É incomprensible que o contrato de Nostián leve caducado desde 2019 e que, a estas alturas, o Goberno local non se atope en condicións de licitar o servizo”, criticou Jorquera, facendo fincapé na necesidade de que o novo contrato garanta a transformación de Nostián nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe, con maior capacidade de tratamento e menor impacto ambiental.

PP: "Esiximos que se anule este acordo, que é lesivo para o Concello"

Miguel Lorenzo, portavoz do PP en A Coruña, asegurou que o acordo é “lesivo” para os intereses municipais e demandou un informe tanto ao secretario como ao interventor do Concello para determinar se a decisión é legal e xustificada.

“Este acordo non ten fundamento, xa que a sentenza é firme e as costas están tasadas, polo que non se xustifica o risco que se alega”, apuntou Lorenzo. Ademais, comparou o acordo do Concello co do Consorcio das Mariñas, que aceptou perdonar un 16 % da débeda, e subliñou que a diferencia nas condicións “non ten sentido”.

O PP tamén lembrou que, segundo a súa perspectiva, o acordo de Inés Rey de perdoar o 46 % da débeda á concesionaria de Nostián supón unha perda económica importante para o Concello. "Exiximos que se anule este acordo e que se recupere o total da débeda, xa que é diñeiro de todos os coruñeses", concluiu Lorenzo.

 

⚙ Configurar cookies
0.1617488861084