BNG denuncia a falta de profesorado de apoio no CEIP Tarrío de Culleredo e acusa o PP de negarse a atender as demandas da comunidade educativa

O Bloque Nacionalista Galego volveu poñer no foco a situación do CEIP Tarrío de Culleredo pola falta de profesorado de apoio e de recursos para atender o alumnado con necesidades especiais. Durante o debate parlamentario dunha proposición non de lei presentada pola deputada Iria Taibo, a parlamentaria deu voz ás reivindicacións que a ANPA do centro vén formulando dende hai meses sen obter, segundo denunciou, unha resposta axeitada por parte da Xunta.
Entre as demandas trasladadas á Cámara autonómica figura a incorporación dun mestre máis para Educación Infantil, que permita cubrir as horas que unha docente dedica actualmente a tarefas directivas, así como a asignación dun especialista adicional en pedagoxía terapéutica para garantir unha atención adecuada ao alumnado con necesidades educativas especiais. A comunidade educativa reclama tamén a creación dunha cuarta unidade de 4.º de Primaria, unha medida que considera imprescindible pola elevada ratio que soportan as aulas e que xa fora solicitada no curso anterior.
Taibo acusou ao Goberno galego de manter un discurso que non se corresponde coa realidade dos centros educativos. ‘O Goberno galego presume de que atende a todas as persoas, sobre todo ás que máis o precisan, pero o que estamos a ver é precisamente o contrario’, advertiu. A deputada salientou ademais que estas mobilizacións non parten dos partidos políticos, senón das propias ANPAs, e lembrou que no CEIP Tarrío xa se convocaron dúas concentracións pacíficas, a última o 9 de decembro, nas que mesmo participou un concelleiro do PP de Culleredo. ‘Se para o PP acudir a manifestacións familiares e pacíficas é confrontación, que llo expliquen ao seu concelleiro, que estaba alí no medio da xente’, engadiu.
A parlamentaria nacionalista insistiu en que, máis alá do cumprimento estrito das ratios legais, están en xogo dereitos básicos do alumnado. ‘Cando un neno ou nena ten informes médicos, psicolóxicos ou de orientación, non abonda con cumprir números; é preciso atender esas necesidades para evitar consecuencias no seu futuro’, subliñou, en alusión ao impacto que pode ter a falta de recursos na súa traxectoria académica e persoal.
A iniciativa defendida polo BNG foi finalmente rexeitada polo Grupo Popular, que votou en contra das medidas propostas para reforzar a dotación de profesorado e mellorar a atención educativa no centro. Ante este resultado, o Bloque anunciou que seguirá levando as demandas das comunidades educativas ao Parlamento e reclamou á Xunta que se sente a dialogar coa ANPA do CEIP Tarrío e dea respostas claras e directas ás súas reivindicacións.