BNG acusa á Xunta de deturpar o Plan MEGA para tapar carencias de profesorado no CEIP Valle-Inclán de Oleiros

ACoruñaXa
Taibo reprocha a Educación que elimine desdobramentos en terceiro e sexto de primaria e empregue docentes financiados con fondos europeos como titores ordinarios, deixando sen reforzo ao alumnado máis vulnerable
OLEIROS iria taibo
19 Nov 2025

O Bloque Nacionalista Galego levou ao Parlamento galego a situación do CEIP Valle-Inclán de Perillo, en Oleiros, pola falta de profesorado e o uso que a Consellería de Educación está a facer dos fondos europeos destinados ao reforzo educativo. A deputada nacionalista Iria Taibo interpelou ao conselleiro Román Rodríguez pola planificación de persoal para o curso 2025-2026 e denunciou que a Xunta está a utilizar o Plan MEGA para cubrir necesidades estruturais do centro.

Segundo explicou Taibo, a Consellería decidiu suprimir o desdobramento das aulas de terceiro e sexto de primaria, unha medida que foi rexeitada pola comunidade educativa do colexio. Como compensación, Educación enviou dous docentes ao abeiro do Plan MEGA, un programa europeo deseñado para apoiar o alumnado con maiores dificultades e impulsar medidas de inclusión e personalización da aprendizaxe. Porén, lonxe de dedicarse a reforzos específicos, estes mestres foron asignados como titores de novas aulas, asumindo funcións estruturais que nada teñen que ver coa finalidade orixinal dos fondos.

Para o BNG, este uso dos recursos europeos desvirtúa os obxectivos do Plan MEGA e deixa sen atención especializada o alumnado máis vulnerable, que perde apoios directos dentro e fóra da aula. Taibo advertiu de que a redución de persoal dispoñible para reforzos tamén está a impactar en proxectos educativos que formaban parte da vida diaria do centro, como a Horta escolar, os obradoiros de Robótica ou o funcionamento da Biblioteca, que terían quedado minguados ou directamente suprimidos por falta de profesorado.

A deputada lembrou que a ANPA xa enviou no mes de setembro un escrito á Dirección Territorial de Educación alertando desta situación e reclamando unha solución, pero non obtivo resposta. Por iso exixiu que a Consellería convoque de inmediato unha reunión cos representantes da comunidade educativa do CEIP Valle-Inclán, escoite as familias e o profesorado e explique con claridade cal é o plan para garantir unha dotación de persoal axeitada.

“Se vostedes empregasen fondos propios para contratar o profesorado estrutural que precisa o centro, poderían destinar os fondos europeos ao reforzo que realmente necesita o alumnado”, criticou Taibo, que cualificou a actuación da Xunta de “arbitraria” e aliñada máis coa contabilidade que coa calidade educativa.

A intervención da parlamentaria puxo sobre a mesa unha preocupación que, segundo subliñou, vai máis alá deste colexio de Oleiros: o risco de que os fondos europeos se convertan nunha vía para tapar carencias de persoal en lugar de servir para mellorar a equidade e o apoio aos estudantes con máis dificultades. No caso concreto do CEIP Valle-Inclán, a comunidade educativa xa puxo en marcha mobilizacións para reclamar a reposición do profesorado perdido e a recuperación dos proxectos didácticos que daban identidade ao centro.

⚙ Configurar cookies
0.071876049041748