BiciCoruña incorpora 100 novas bicis eléctricas

O Concello da Coruña vén de incorporar 100 novas bicicletas eléctricas ao servizo municipal BiciCoruña, continúa así coa expansión e reforzo deste sistema público de mobilidade sustentable, que na actualidade supera os 14.000 usuarios e usuarias rexistradas. Esta ampliación responde ao crecemento sostido da demanda e ao compromiso do Goberno local coa promoción dunha mobilidade activa e alternativa ao vehículo privado.
“BiciCoruña consolidouse como unha ferramenta clave para fomentar os desprazamentos sostibles na cidade. O reforzo da frota permite non só mellorar a dispoñibilidade do servizo, senón tamén facilitar os desprazamentos entre os distintos barrios e reforzará a conexión coas estacións xa existentes e coas novas que se están a implantar”, destacou a alcaldesa, Inés Rey.
A implantación destas novas unidades ten lugar en paralelo aos traballos de ampliación da rede de bases, coa previsión de que o número total de estacións supere as 80 nas vindeiras semanas. O obxectivo é adaptar o servizo ás necesidades reais da cidadanía e estender a cobertura a todos os distritos da cidade.
Nova estación na avenida do Ferrocarril
O Concello da Coruña vén de executar a obra civil para a instalación dunha nova estación de BiciCoruña na avenida do Ferrocarril, na contorna de Lonzas. Esta base, que ampliará o acceso ao servizo na zona oeste da cidade, será operativa unha vez que a empresa subministradora UFD (Grupo Naturgy) complete a acometida eléctrica necesaria para a súa posta en funcionamento.
Tal e como sinalou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “a escolla da localización responde a criterios técnicos vinculados ao fluxo de persoas usuarias, á conexión co carril bici e á proximidade a equipamentos públicos”. A base servirá de nodo estratéxico entre as estacións xa existentes e os novos puntos en execución nos barrios de Lonzas, Novo Mesoiro e Os Rosales.
Campaña de control de bicicletas e patinetes
Por outra banda, o Concello da Coruña, a través da Policía Local, activou esta semana unha nova campaña específica de control e vixilancia sobre o uso de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos. Durante esta semana intensificaranse as inspeccións nos principais puntos de circulación destes vehículos co obxectivo de garantir o cumprimento das normas de tráfico e de uso cívico do espazo público.
Esta acción forma parte do Plan Local de Seguridade Viaria e dá continuidade á campaña informativa posta en marcha no mes de xaneiro. Os axentes incidirán na prohibición de circular por beirarrúas, levar acompañantes ou non respectar as normas de circulación. As infraccións serán sancionadas conforme á normativa vixente.
“A seguridade viaria é unha prioridade para este Goberno. Apostamos por unha mobilidade segura, sostible e respectuosa, e por iso intensificamos os controis para corrixir condutas que poñan en risco a integridade das persoas”, explicou Montserrat Paz, concelleira de Seguridade Cidadá e Interior.