BiciCoruña amplíase: catro novas bases en A Gaiteira, San Pedro de Visma e no polígono de Agrela

O servizo municipal BiciCoruña dase un novo impulso coa instalación esta mañá de catro novas bases en rúa que reforzarán a cobertura do sistema nos barrios da Gaiteira, San Pedro de Visma e no parque industrial de Agrela. Con estas incorporacións o mapa de BiciCoruña quedará en 65 estacións unha vez finalicen os trámites previos e se activen oficialmente os puntos.
Dúas das bases sitúanse na Gaiteira unha xunto ao Fórum Metropolitano para facilitar os desprazamentos aos equipamentos culturais e deportivos e outra no cruce da avenida de Oza coa ronda de Outeiro fronte á praza da Gaiteira. A presenza de estacións nesta zona busca atender a demanda de mobilidade cara e desde un dos eixos urbanos con maior tránsito da cidade.
A base de San Pedro de Visma é a primeira instalada no núcleo desta barriada e precisou obras de acondicionamento previas no seu emprazamento, próximo ao centro cívico veciñal. “As intervencións de obra civil finalizaron semanas atrás e agora damos o paso para que a veciñanza dispoña do servizo no seu propio barrio”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
No polígono de Agrela incorpórase outra estación xunto ao parque municipal de bombeiros que complementará as xa existentes nas rúas Gutemberg e Severo Ochoa e a base na rúa José María Rivera Corral en Vioño, reforzando así as conexións coa área industrial e facilitando os desprazamentos de traballadores e visitantes.
O Concello lembra que a posta en servizo dependerá do peche dos contratos de subministro eléctrico e das probas técnicas obrigatorias para garantir a seguridade e o correcto funcionamento das estacións. A previsión é que as catro bases entren en operación nas vindeiras semanas sempre que se cumpran estes prazos.
A ampliación forma parte do plan de expansión de BiciCoruña co que o Goberno local pretende incrementar a oferta de mobilidade sostible, achegar o servizo a máis barriadas e conectar puntos estratéxicos da cidade para impulsar unha alternativa á mobilidade motorizada e reducir a pegada ambiental dos desprazamentos urbanos