Betanzos ultima a Base de Actividades Ecoturísticas de Mariñas Coruñesas, prevista para esta primavera

ACoruñaXa
O novo espazo, á beira do Mandeo, busca ordenar e impulsar experiencias vencelladas ao medio natural e ao turismo náutico nun destino de ecoturismo certificado
RESERVA BIOSFERA betanzos
3 Feb 2026

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo avanza na posta a punto da súa Base de Actividades Ecoturísticas, unha infraestrutura que se ubicará en Betanzos xunto ao río Mandeo e que, segundo a entidade, será a primeira destas características nun destino de ecoturismo certificado a nivel estatal.

Desde a Reserva destacan que o equipamento nace coa idea de converterse nun punto de referencia para o desenvolvemento ordenado de experiencias e actividades vinculadas especialmente á contorna natural e ao ámbito náutico, reforzando así a oferta de ecoturismo do territorio.

Os traballos evolucionan a bo ritmo e o obxectivo é que a base sexa unha realidade na primavera de 2026. A instalación situarase na zona do Paseo (ou praza) da Tolerancia, á beira do curso fluvial que vertebra boa parte do territorio da biosfera.

A iniciativa enmárcase na estratexia de consolidación de Mariñas Coruñesas como destino de ecoturismo. De feito, a Reserva lembra que está certificada como destino dentro do Club de Ecoturismo de España desde 2020, unha distinción que busca garantir experiencias ligadas á conservación e ao desenvolvemento local.

⚙ Configurar cookies
0.082039833068848