Betanzos renovará o parque da Ribeira e mellorará todas as áreas infantís do municipio
O Concello de Betanzos iniciará a renovación do parque infantil da Ribeira mediante un plan provincial, POS 2024, que será aprobado en pleno esta próxima semana. A actuación, cun investimento de aproximadamente 85.000 euros, ten como obxectivo actualizar e mellorar as instalacións existentes para ofrecer un espazo "lúdico moderno e seguro".
Os traballos incluirán a retirada dos xogos actuais e a renovación do caucho continuo do parque. O novo deseño incorporará xogos innovadores como unha estrutura con forma de balea, un faro, unha medusa, un barco pirata e un balancín múltiple, todos adaptados para diferentes idades e garantindo un espazo de xogo seguro e estimulante. Ademais, o parque contará cun novo valo de peche, e se instalarán bancos, papeleiras e cartéis informativos.
A renovación do parque da Ribeira é parte dun ambicioso programa de mellora de áreas infantís que se desenvolverá en varias fases en todo o municipio. "Estamos a proxectar outras renovacións e reordenacións en parques infantís tanto na zona urbana como na rural", explicou a alcaldesa, María Barral. Este programa é unha das prioridades do Concello para o mandato actual.
Entre as próximas actuacións está a mellora da área infantil da rúa do Pintor Seijo Rubio, que será a primeira cuberta de toda a cidade. Esta obra, tamén incluída no POS da Deputación, contará cun investimento de máis de 188.000 euros. O proxecto inclúe unha cuberta con xeometría irregular, empregando materiais lixeiros e de cores que ofrecerán protección contra o mal tempo e integrarán o espazo na contorna. A estrutura recordará aos postos da feira, unha parte importante e simbólica para Betanzos.
O Concello continúa así co seu compromiso de crear espazos de xogo seguros e atractivos para os máis pequenos, mellorando a calidade dos parques infantís en toda a cidade.