Betanzos renova os xogos infantís do parque Alfonso IX e impulsa a mellora doutros dous espazos

O Concello de Betanzos vén de concluír as obras de reposición de novos xogos infantís no parque Alfonso IX, unha actuación incluída no programa de melloras de instalacións que está a desenvolver a Concellería de Infraestruturas en diferentes puntos do municipio.
Ademais desta intervención, o Goberno local sacou a licitación as obras de renovación dos parques infantís da Ribeira e Pintor Seijo Rubio, nos que prevé investir, en conxunto, máis de 200.000 euros. As dúas actuacións forman parte dun plan máis amplo de posta a punto de áreas de xogo que tamén contempla traballos noutros emprazamentos, como O Pasatempo, As Doas e Viuxe, e que xa chegou a espazos como a praza do Emigrante, Carregal, o Centro Histórico ou O Xuncaliño.
No parque da Ribeira, o proxecto inclúe a instalación de novos xogos pensados para distintas idades, cunha gran estrutura temática que incorpora elementos como unha tirolesa, un faro, unha medusa e un barco pirata, ademais dun balancín múltiple. O Concello tamén prevé actuacións complementarias para mellorar a seguridade e o confort, coa reparación do valado mediante a substitución de postes e traveseiros danados e a incorporación de novo mobiliario, como bancos elaborados con plástico reciclado e unha papeleira antivandálica.
Pola súa banda, no parque de Pintor Seijo Rubio a actuación abrangue a colocación de novos xogos e a renovación do pavimento, co obxectivo de crear un espazo inclusivo no que poidan xogar nenas e nenos con diversidade funcional. Entre as medidas previstas figuran xogos adaptados, pavimento absorbedor de impactos e mobiliario urbano, con bancos e papeleiras.