Betanzos rende homenaxe a José María Valeiro Iglesias “Tocayo” dando nome ao pavillón municipal

ACoruñaXa
A rexedora María Barral resaltou o compromiso de Valeiro Iglesias coa mocidade e o deporte local
novo-carregal-betanzos
1 Jul 2025

Betanzos oficializou o cambio de nome do Pavillón Municipal do Carregal, que pasa a chamarse “José María Valeiro Iglesias, ‘Tocayo’” en recoñecemento á súa longa traxectoria como presidente do Club Baloncesto Santo Domingo. O acto contou coa presenza da alcaldesa María Barral, a familia do homenaxeado, a directiva e xogadores do clube, así como membros da corporación municipal.

A proposta xurdiu do grupo de goberno e foi aprobada na Comisión de Nomenclator tras unha reunión coa directiva do clube e o concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda. Durante 23 anos, “Tocayo” liderou o clube nun momento crítico, logrando non só evitar a desaparición do equipo, senón tamén situalo na liga EBA durante 10 tempadas consecutivas e facelo regresar rapidamente tras un descenso.

A alcaldesa destacou que “este é un día cargado de emoción, de memoria e de xustiza para render homenaxe a unha persoa que deixou unha pegada indeleble no deporte brigantino, e especialmente no corazón de quen o coñeceu”.

María Barral resaltou o compromiso de Valeiro Iglesias coa mocidade e o deporte local: “Foi un referente, un impulsor incansable, un apaixonado do deporte, un formador de xeracións. O seu compromiso transcendeu o meramente deportivo: axudou a construír valores, a tecer comunidade, a forxar amizades que aínda perduran”.

O acto tamén serviu para lembrar a súa personalidade xenerosa e entusiasta, e para destacar que “a perda de José María deixounos un baleiro difícil de encher, pero tamén nos deixa un exemplo que queremos que perdure”.

Dirixíndose á familia, a alcaldesa subliñou: “Este espazo, onde tantas veces ecoaron os botes do balón, os aplausos e as vitorias compartidas, levará o nome de quen tanto deu por el. Grazas, Tocayo. Que este pavillón siga sendo un lugar de encontro, de crecemento, de soños… como ti soñáchelo”.

⚙ Configurar cookies
0.16415190696716