Betanzos regresa ao pasado coa súa XXVI Feira Medieval, que se celebra do 11 ao 13 de xullo

Betanzos vivirá un retroceso no tempo co inicio, este venres, da súa XXVI Feira Medieval. Durante tres xornadas, as rúas empedradas do casco histórico converteranse no escenario dunha viaxe ao século XV, para lembrar a concesión da feira franca outorgada polo rei Henrique IV de Castela.
Na presentación oficial do evento a alcaldesa María Barral destacou a importancia desta cita consolidada como un dos eventos máis emblemáticos da vila. “Esa feira cumpre este ano o seu 26 aniversario, desde 1998, que converteron a Feira Medieval nun referente xa non só en Galicia senón en España, e onde esperamos a visita de milleiros de persoas”, subliñou.
Barral puxo en valor o papel fundamental da veciñanza e do voluntariado: “Aos betanceiros e betanceiras, en primeiro lugar, para agradecerlles o esforzo e implicación durante estes 26 anos, sen a súa participación isto non sería posible”. Tamén quixo agradecer “ás persoas voluntarias e persoal municipal que fai que cada ano isto sexa unha realidade. Un traballo de máis de 200 persoas en cada edición e como non aos patrocinadores: Estrella Galicia, Coca Cola e Gadis que levan con nós 26 anos e espero e desexo que sigan, como mínimo, outros tantos”.
A alcaldesa resaltou o escenario incomparable que ofrece o centro histórico para este evento: “Sen dúbida, non hai mellor lugar para revivir a historia, como as rúas empedradas que nos rodean neste casco histórico, decorado de forma especial para a ocasión”. Este ano contarán con máis de sete quilómetros de teas decorativas e máis de 130 postos distribuídos pola Porta da Vila, a rúa do Castro, a praza da Constitución, a rúa Roldán, a Peixaría, a praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María e a rúa Travesa.
O programa comezará este venres 11 ás 18.00 coa apertura dos postos, e terá como un dos momentos destacados o pregón, que correrá a cargo de Xan Munín Neira, exprofesor de Lingua e Literatura Galega do IES Francisco Aguiar de Betanzos, persoa moi vencellada á vila.
A feira manterá as súas escenas máis simbólicas e recoñecidas: a entrada do señor de Andrade, a carreira de bocois, a batalla das figueiras, a revolta irmandiña, a expulsión dos leprosos, o torneo medieval, o Aquelarre e os espectáculos de lume e malabares.
Durante os tres días, máis de 200 persoas participarán directamente na organización e desenvolvemento da feira, entre actores, voluntariado, persoal municipal e membros dos servizos de emerxencia como Protección Civil, Policía Local, bombeiros e Cruz Vermella.