Betanzos recupera o espírito das romarías cunha nova edición dos “Caneiros en familia”

O Concello de Betanzos celebrará o venres 2 de agosto unha nova edición dos “Caneiros en familia”, unha romaría pensada para fomentar unha xornada de convivencia ao estilo tradicional, como anticipo das festas maiores dos días 18 e 25. A iniciativa busca que a veciñanza, especialmente as xeracións máis novas, redescubra a esencia desta celebración emblemática subindo ao campo dos Caneiros, xa sexa a pé ou en lancha, para xantar á beira do Mandeo coas viandas que cadaquén leve.
Ao igual que en anos anteriores, habilitarase un servizo especial de transporte fluvial na embarcación municipal Diana Cazadora, con saída desde o embarcadoiro da Tolerancia. As prazas —55 por cada viaxe— poderán reservarse desde este luns 22 ata o 30 de xullo, presencialmente nas oficinas do edificio Liceo (de 9.00 a 14.00 horas) ou a través da web municipal. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio, e cubriranse por orde de inscrición. Os horarios de subida ao campo serán ás 12.30, 13.30 e 14.30 horas; e os de regreso ás 19.00, 20.00 e 21.00 horas.
Desde o Concello fan un chamamento para que “tamén se apunten á romaría outras moitas lanchas de Betanzos” e subliñan a vontade de que “todos os betanceiros demos mostra de como deben celebrarse as jiras dos días 18 e 25 para que o día de Caneiros en familia sexa tomado como exemplo de como deben ser esas dúas jiras”.
Con esta proposta, o Goberno local quere continuar promovendo “os valores e tradicións característicos desta romaría” e reforzar o traballo conxunto entre administración, entidades e partidos políticos para evitar que a celebración perda o seu carácter orixinal.