Betanzos reclama á Xunta reforzos do bus en primeira hora e máis transparencia nos horarios

ACoruñaXa
A alcaldesa, María Barral, solicitará unha nova xuntanza coa directora de Mobilidade, Judit Fontela, tras as continuas queixas por saturación de liñas e falta de información en tempo
Bus betanzos Xunta
17 Oct 2025

O Concello de Betanzos urxe á Xunta de Galicia a aumentar as frecuencias do transporte público nas primeiras horas da mañá e a garantir información clara e accesible sobre os horarios. A alcaldesa, María Barral, avanzou que pedirá unha nova reunión coa directora da Dirección Xeral de Mobilidade, Judit Fontela, ante o goteo de protestas de usuarias e usuarios —sobre todo estudantes que se desprazan á Universidade e persoas maiores con consultas médicas ou xestións con cita previa na Coruña—.

Barral explicou que persiste unha 'desinformación permanente' sobre as saídas e a propia prestación do servizo: moitos viaxeiros non teñen certezas de se o autobús pasou, a que hora o fai ou se haberá prazas dispoñibles. Segundo indicou, nas primeiras franxas do día os vehículos chegan a Betanzos practicamente cheos e é habitual que quede xente na parada sen poder subir.

O Concello lembra que leva meses trasladando á Xunta incidencias e reclamacións sen resposta efectiva. Para o goberno local, os problemas arrastranse desde o cambio de concesión e agrávanse en períodos como o inicio do curso universitario e a volta ao traballo. 'Non pedimos volver a ter un bus cada media hora se non é viable, pero si dispor de horarios exactos e fiables, como mínimo', subliñou a rexedora.

A alcaldesa tamén reclamará que se cumpra o compromiso autonómico de instalar, cando menos na parada principal, un panel informativo que mostre os horarios e os tempos de espera en tempo real. 'É unha medida imprescindible para a xente maior que non usa internet e necesita saber con certeza cando pasa o bus e se vai poder viaxar', engadiu. O Concello insistirá, ademais, en reforzar as expedicións de primeira hora para evitar saturacións.

⚙ Configurar cookies
0.071039915084839