Betanzos recibe no seu Arquivo Municipal o seu documento máis antigo grazas a unha doazón

O Arquivo Municipal de Betanzos conta desde esta semana coa súa peza documental máis antiga, unha escritura de foro dunha finca da parroquia de Santa María de Cortiñán, datada arredor do ano 1420. Este documento foi doado ao arquivo por Carmen Margarita García Pertierra, veciña da Coruña, que lle foi legado no pasado e decidiu facelo público para a súa conservación e consulta.
Ata agora, o arquivo conservaba documentos de finais do século XV, polo que esta incorporación supón un paso importante para ampliar o fondo histórico do Concello. Trátase dunha escritura outorgada por Ares Pardo das Mariñas e que reflicte aspectos fundamentais da historia local e do sistema de foros da época.
A transcrición do documento foi publicada por Francisco Vales Villamarín no Boletín da Real Academia Galega, e posteriormente incluída nas súas obras completas, o que confirma o seu valor histórico e documental.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, xunto co director do Arquivo Municipal, Ángel Arcay, foron os encargados de recibir oficialmente a doazón. Agora, esta peza está dispoñible para consulta pública a través da páxina web bam.betanzos.gal, onde poderá ser consultada por investigadores e veciñanza interesada.