Betanzos quenta motores para viaxar ao medievo coa XXVI Feira Franca Medieval

ACoruñaXa
O evento contará, ao longo de tres xornadas, cunha programación repleta de actividades que nos trasladan ao pasado
FEIRA-FRANCA-BET
5 Jul 2025

Betanzos xa pensa en celebrar unha nova edición da súa Feira Franca Medieval, que chega este 2025 á súa 26ª edición. A conta atrás comezou e, entre os días 11, 12 e 13 de xullo, as rúas da cidade transformaranse nun auténtico escenario de época, cunha oferta que combina artesanía, gastronomía, animación e espectáculos pensados para todos os públicos.

“Todo está listo para revivir a historia na XXVI Feira Franca Medieval de Betanzos”, destacan desde o Concello, que organiza o evento cunha programación repleta de actividades que nos trasladan ao pasado. A cita medra ano tras ano como un referente cultural e turístico na comarca.

Ao longo das tres xornadas, os visitantes poderán gozar de postos de produtos artesáns, recreacións históricas, demostracións de oficios tradicionais e propostas gastronómicas inspiradas na Idade Media. Non faltarán os habituais desfiles, espectáculos de lume, música en directo, malabares, cetraría, torneos, animación infantil e moitas outras sorpresas.

A cita volve demostrar o seu peso no calendario festivo galego. A organización recibiu 360 solicitudes para instalar postos, unha cifra que iguala a do pasado ano e que confirma que o evento segue a ser un dos referentes deste tipo de celebracións en Galicia. A proxección da feira non pasa desapercibida: tanto durante a presenza de Betanzos en Fitur como posteriormente, varios municipios —galegos e doutras comunidades— amosaron interese, ben por coñecer o seu modelo organizativo, ben por visitar a vila durante esa fin de semana.

Porén, e malia o alto número de solicitudes, as características do casco histórico e as esixencias de seguridade limitan o número de postos a un máximo de 130. Será agora a comisión técnica a encargada de revisar as peticións, tendo en conta criterios como a traxectoria profesional e o cumprimento da normativa en edicións anteriores.

Dende o Concello reservaranse arredor de 25 postos para asociacións locais, establecementos comerciais situados nas rúas da feira, e postos gastronómicos que se adxudicarán mediante subasta pública. “Unha cita que transforma as nosas rúas nun auténtico escenario medieval, cheo de artesanía, gastronomía e espectáculos que nos levan ao pasado”, lembran desde o Concello.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.20038485527039