Betanzos quenta motores para a San Silvestre Betanceira 2025, o mércores 31 ás 17.00 horas

A alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Deporte, Ricardo Cheda, participaron na presentación da San Silvestre Betanceira 2025, unha das citas deportivas máis tradicionais do calendario local para despedir o ano correndo (ou camiñando) polas rúas do municipio.
A proba celebrarase o mércores 31 de decembro ás 17.00 horas e incluirá dúas opcións principais para persoas adultas: unha andaina de 4 quilómetros e unha carreira de 5 quilómetros. Ademais, a organización contempla diferentes distancias adaptadas ás categorías da rapazada, co obxectivo de que a xornada teña tamén un marcado carácter familiar e participativo.
O evento contará igualmente coa posibilidade de sumarse a través do dorsal 0, unha fórmula pensada para quen non poida participar fisicamente pero queira apoiar a iniciativa. A información completa e as inscricións están dispoñibles a través da canle habilitada pola organización.