Betanzos publica a concesión provisional das axudas municipais para o pago da vivenda habitual

O Concello de Betanzos fixo pública a concesión provisional das axudas extraordinarias municipais de apoio ao pago da vivenda habitual. Trátase de achegas de adxudicación directa destinadas a persoas con contrato de alugueiro ou préstamo hipotecario sobre unha vivenda situada no termo municipal que constitúa a súa residencia habitual no momento da solicitude.
A finalidade é aliviar o impacto do gasto de mantemento da vivenda nos fogares máis vulnerables. A partida acada os 70.000 euros e conta co financiamento da Deputación Provincial da Coruña a través do POS+ Adicional 1/2025 para Gastos Sociais Extraordinarios do exercicio 2025.
A convocatoria recolle os requisitos das persoas beneficiarias: estar empadroadas en Betanzos con, como mínimo, seis meses de antigüidade e atoparse en situación de vulnerabilidade económica, entendida con carácter xeral como ingresos da unidade de convivencia durante 2024 que non superen 2 anualidades do IPREM vixente, ampliables a 2,5 anualidades no caso de familias de especial consideración. O listado provisional pode consultarse no anuncio municipal.