Betanzos presenta un cómic para reivindicar o legado das mulleres artistas do Museo das Mariñas

ACoruñaXa
A publicación, ilustrada por Iria Fafián, recupera a traxectoria de creadoras do século XX e súmase aos actos polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
BETANZOS comic artistas
24 Nov 2025

O Concello de Betanzos deu a coñecer hoxe o cómic 'Mulleres artistas no Museo das Mariñas', unha obra impulsada para poñer en valor a creación feminina ligada á cidade e ás coleccións do Museo das Mariñas. No acto participaron a alcaldesa, María Barral, o director do Museo, Ángel Arcay, e a ilustradora do volume, Iria Fafián. A presentación enmárcase na programación municipal do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Segundo explicou a rexedora, durante décadas quen visitaba museos podía chegar á conclusión de que a práctica totalidade das obras eran de autoría masculina, invisibilizando as achegas das creadoras. Nas visitas escolares realizadas polo Museo, cando se lles preguntaba ao alumnado por nomes de pintoras, a resposta máis habitual era 'Rosalía de Castro'. A partir desta evidencia, o Museo das Mariñas decidiu avanzar cara a un espazo máis equitativo e diverso, no que artistas de ambos xéneros tivesen presenza polos seus méritos creativos. Desa vontade xurdiu o proxecto que agora toma forma de cómic.

A obra recompila un traballo de anos de investigación, entrevistas e revisión de hemerotecas, sempre coa incerteza de se sería posible atopar novos datos sobre autoras practicamente anónimas que pasaron por Betanzos ao longo do século XX. O cómic recolle as historias de seis mulleres con obra no Museo: Elvira Santiso, Teófila Sasiaín Martínez, María Goday y Goday, Rosina Martínez Barral, Olimpia Tourné e Sofía Feliú Toledano.

Ademais, inclúe un capítulo dedicado a aquel grupo de 'nenas' de Betanzos que en 1996 participaron nun curso municipal de debuxo e pintura e que, curiosamente, hoxe desenvolven carreiras artísticas. Entre elas figuran a propia Iria Fafián, autora do cómic; Carmen Seijas, con taller na cidade; Isabel Durá, antiga alumna do CIEC; ou Julia Aguiar, que imparte clases de pintura no municipio.

Durante a presentación, Ángel Arcay destacou que a obra só foi posible grazas á colaboración dun amplo grupo de mulleres e profesionais vinculadas ao Museo das Mariñas. Entre elas citou a Ermitas Rodríguez; Carmen Delia Díaz; Paz Moreno; María América Díaz; Antía Arcay; Olivia Barbero; Alicia Maneiro; Irene Paredes; Sara Fraga; Eugenia Tenenbaum; e tamén persoas como Natalia Buyo, Juan María García, Carmen Vidal, María Porto, Victoria Penide e Markus Hoffmann, cuxa xenerosidade permitiu sumar novas pezas a un quebracabezas que segue incompleto.

⚙ Configurar cookies
0.07020092010498