Betanzos prepárase para a XV Semana da Tortilla: votación por QR, sorteos e concurso caseiro

Betanzos prepárase para unha década e media de sabor: do 10 ao 19 de outubro terá lugar a XV edición da Semana da Tortilla, unha festa gastronómica que reunirá 14 bares e restaurantes da vila. Os establecementos participantes contarán con un distintivo identificativo para facilitar a participación do público.
Os locais inscritos son: A Cova do Frade; Adega Lastras; Burger City Café de Segundo; El Arrozal; Cervexería Yocri; Café Bar Capricho; Mesón Avenida; El Plaza; Restaurante Casanova; Bar Galicia; Bar Kutako; Vinoteca Versalles; O Noso Recuncho e La Travesía Vinos.
Como gran novidade desta edición, o Concello lanza a aplicación móbil GastroBetanzos. Ao descargar a app, o público poderá consultar toda a programación, escanear o código QR exclusivo de cada local para acreditar que probou a tortilla e votar pola súa favorita. Quen realicen o escaneo en cinco dos locais participantes entrarán automaticamente no sorteo de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos “Restaurantes da Biosfera” —establecementos certificados no ano 2019 pola Marca de Calidade en colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo— e de cinco lotes de merchandising de Coca-Cola.
Para as persoas que prefiran o método tradicional, tamén será posible participar sellando o díptico informativo en cinco dos 14 locais para ter acceso aos mesmos sorteos e á votación popular.
Os prezos manteñen a tradición: a tapa terá un custo de 2,50 € e a tortilla enteira custará 20 €. O servizo ofrecerase en horario de mañá (12.30–15.00) e de tarde (20.00–22.00) durante a semana; os venres e os sábados o horario nocturno amplíase ata as 23.00, aínda que moitos locais prevén alongar estes horarios segundo a demanda.