Betanzos pon en marcha a Escola de Costas para promover o envellecemento activo

Os Servizos Sociais do Concello de Betanzos poñen en marcha unha nova edición da Escola de Costas, dentro do programa 'Proxecto Coídate. Envellecemento activo', dirixido a veciños e veciñas maiores de 65 anos. O obxectivo é mellorar a saúde postural e a mobilidade deste colectivo mediante exercicios específicos e recomendacións para previr dores de costas no día a día.
A actividade desenvolverase desde este mes de novembro de 2025 ata xuño de 2026 no Edificio Liceo, situado na Praza de Galicia. As sesións serán dúas veces por semana, os martes e xoves en horario de mañá, de 10.30 a 11.30 horas, e estarán impartidas por persoal especializado.
As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do luns 17 de novembro nas dependencias dos Servizos Sociais municipais. A Escola de Costas é totalmente gratuíta, conta con prazas limitadas e está destinada en exclusiva a maiores de 65 anos.
Desde a Concellería de Servizos Sociais animan á participación e lembran que este tipo de programas de envellecemento activo contribúen a manter unha mellor calidade de vida, favorecendo a autonomía persoal e a socialización das persoas maiores.