Betanzos pide á Federación que rectifique e apoia a Carlos Arévalo tras quedar fóra do K1 200 en Milán

ACoruñaXa
O Concello porá en marcha unha campaña de recollida de sinaturas en apoio ao padexeiro e fillo predilecto da cidade
arevalo-betanzos
2 Jul 2025

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, expresou publicamente o seu “malestar” pola decisión da Real Federación Española de Piragüismo de excluír a Carlos Arévalo da proba de K1 200 metros no vindeiro Mundial de Milán. O padexeiro, medalla olímpica e fillo predilecto da cidade, quedaría así fóra dunha disciplina na que, segundo Barral, “gañou a súa praza lexitimamente tanto na proba da Copa do Mundo disputada en Szeged como no campionato de Europa de Racice, onde, en ambas, obtivo medalla de bronce, uns resultados que o fan merecente de competir en Milán”.

A rexedora cualificou a decisión como “inexplicable” e anunciou que o Concello solicitará unha rectificación urxente á Federación Española de Piragüismo. Segundo Barral, a medida foi adoptada de forma “unilateral” e resulta “inconsistente” á vista dos logros deportivos recentes de Arévalo. “Estase a tomar unha decisión, sen fundamento, que afecta directamente á carreira dun deportista que fixo todo o que estaba na súa man para estar nesa proba individual. Parece, claramente, que aquí importa pouco o esforzo que fagas e que a decisión responde a argumentos que non se sosteñen, como ben explicou o propio Carlos Arévalo”, denunciou.

Ademais de instar á Federación a reconsiderar a súa postura, o Concello porá en marcha unha campaña de recollida de sinaturas en apoio ao padexeiro. A iniciativa comezará este xoves nas oficinas municipais e busca sumar apoios para reclamar unha rectificación por parte dos responsables federativos.

Carlos Arévalo, que tamén forma parte do equipo de K4 500, ve así comprometida a súa participación na proba individual na que acadou importantes éxitos, e na que aspiraba a seguir representando a España ao máis alto nivel. O apoio institucional e cidadán pretende agora reverter unha decisión que en Betanzos é percibida como un agravio para un dos seus deportistas máis destacados.

⚙ Configurar cookies
0.1817409992218