Betanzos outorga 78 axudas para o pago da vivenda habitual con cargo ao POS Social

ACoruñaXa
A convocatoria, dotada con 70.000 euros e cofinanciada pola Deputación, priorizou fogares en vulnerabilidade e grupos familiares de especial consideración
MEDIAS XA - 1
5 Nov 2025

O Concello de Betanzos vén de resolver a concesión provisional das axudas municipais para o pago da vivenda habitual, con 78 prestacións dirixidas a persoas inquilinas con contrato de alugueiro ou con préstamo hipotecario sobre a súa residencia principal no termo municipal. O programa mobiliza 70.000 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña a través do POS+ Adicional 1/2025, e naceu durante a pandemia para aliviar o impacto económico nas familias máis vulnerables.

A resolución provisional publicada na sede electrónica recolle a listaxe de beneficiarios e as contías concedidas, xunto coas solicitudes desestimadas por non cumpriren as bases. A convocatoria do verán fixou os requisitos: estar empadroado en Betanzos cunha antigüidade mínima de seis meses, ter un contrato de alugueiro ou hipoteca sobre a vivenda habitual e situarse en vulnerabilidade económica (límite xeral de 2 anualidades do IPREM, ampliable a 2,5 en familias de especial consideración como numerosas, monoparentais, con maiores ou persoas con discapacidade ao cargo, acolledoras ou vítimas de violencia de xénero).

Segundo a documentación municipal, durante o prazo formalizáronse máis de cen solicitudes e a concesión é provisional á espera de xustificacións e posibles alegacións. As axudas cubrirán entre tres e catro mensualidades, en función da situación socioeconómica de cada unidade de convivencia, unha fórmula que xa recollen as bases ao indicar que a resolución fixará a cuantía e as mensualidades subvencionadas.

⚙ Configurar cookies
0.069595098495483