Betanzos organiza o contacontos 'A miña historia' polo Día de Rosalía de Castro
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza ao longo de todo o mes de febreiro diversas actividades encadradas na programación do Día de Rosalía de Castro, que se celebra este venres 23 de febreiro, no que terá lugar a homenaxe 'Pensando en ti, Rosalía' na Aula municipal de Cultura Xulio Cuns. Ademais, haberá varias sesións do contacontos 'A miña historia' de Trémola Teatro.
A actividade terá lugar o xoves 22 en horario lectivo e desenvolvérase durante tres sesións para o alumnado de 5.º de educación primaria do CEIP Francisco Vales Villamarín. 'A miña historia' é un contacontos teatralizado no que a rapazada coñecerá a Andrea, que é unha periodista saída do Século XIX que sabe todo sobre Rosalía de Castro. O espectáculo perseguirá o reto de axudala para que todo o mundo se lembre da escritora, xa que hai que lembrar que Rosalía de Castro é un símbolo do pobo galego, é unha das grandes poetisas da literatura española do Século XIX e unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego.