Betanzos levará a Pleno a nova ordenanza do comedor escolar e madrugadores do Vales Villamarín

O Concello de Betanzos presentará este mes ao Pleno a nova ordenanza reguladora do servizo de comedor escolar e madrugadores do CEIP Vales Villamarín, unha vez que xa foi formalizada a adxudicación do servizo tras finalizar o contrato anterior, vixente desde 2021. A nova normativa establecerá os prezos e condicións de funcionamento para o próximo curso escolar.
Entre as novidades que contempla a ordenanza destacan as bonificacións económicas que se aplicarán ás familias, en función da súa situación persoal e económica. Así, as familias consideradas de especial protección —como numerosas, monoparentais, acolledoras ou con persoas dependentes ou con discapacidade ao seu cargo, así como aquelas en situación de vulnerabilidade ou vítimas de violencia de xénero— contarán cun desconto do 30 % na tarifa mensual.
Tamén se prevén bonificacións por nivel de renda per cápita, que poderán acadar ata o 100 % do custe do servizo. Nos casos máis extremos, o comedor será totalmente gratuíto para o alumnado pertencente a unidades familiares en situación de exclusión social.
O prezo base do servizo establécese en 95,60 euros ao mes para a modalidade de uso diario. Esta tarifa redúcese a 71,70 euros nos meses con menor carga lectiva, como setembro, decembro, xaneiro, xuño e a Semana Santa. A ordenanza tamén contempla tarifas específicas para quen utilice o servizo entre un e catro días por semana, incluíndo opcións para asistencia puntual.
A fixación destes prezos responde a un estudo de custos realizado previamente ao proceso de licitación, tendo en conta factores como o aumento no prezo das materias primas, o transporte ou a suba do Salario Mínimo Interprofesional, que incide nos salarios do persoal.
O Concello incrementou a partida orzamentaria destinada ao servizo para garantir que poida chegar a todas as familias que o soliciten. Actualmente, máis da metade do alumnado do centro utiliza o comedor escolar, obrigando a organizar dúas quendas debido ás limitacións do espazo. No presente curso, dos 454 usuarios do comedor, 253 reciben algún tipo de bonificación municipal. No servizo de madrugadores, das 137 nenas e nenos inscritos, 70 tamén están bonificados. En total, estas axudas supoñen un investimento anual de 182.500 euros por parte do Concello.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, salientou que este servizo reflicte o compromiso do Goberno local coa conciliación e coa protección das familias en situación vulnerable. “Trátase dun servizo que, aínda que non é competencia municipal, consideramos prioritario pola súa función social. Son moi poucos os concellos galegos que asumen a xestión directa de comedores escolares”, apuntou.
Barral lembrou que a contratación da empresa adxudicataria incluíu criterios de calidade como o uso de produtos de proximidade ou a proximidade das instalacións onde se prepara a comida ao centro educativo. Tamén asegurou que, ao igual que no contrato anterior, o Concello continuará a supervisar o servizo para garantir que se presta nas mellores condicións posibles. “Seguiremos atentos ás necesidades das familias e abertos a recibir suxestións ou resolver dúbidas”, concluíu.