Betanzos leva a Cabalgata ao centro histórico e adapta as carrozas para entrar polas rúas do casco vello

ACoruñaXa
O desfile do 5 de xaneiro manterá a duración aínda que acurta o percorrido e contará cun treito sen ruído
cabalgata-de-reis-betanzos
3 Jan 2026

O Concello de Betanzos presentou a Cabalgata de Reis do vindeiro 5 de xaneiro cun cambio destacado: este ano o percorrido achegarase ao centro histórico para que a chegada das Súas Maxestades se viva dunha maneira máis próxima e nunha contorna especialmente simbólica no Nadal.

A comitiva sairá, como é habitual, da contorna do centro de formación ocupacional de Bellavista e avanzará polas rúas Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Doutor Fariña ata a avenida Jesús García Naveira. Desde aí continuará por Emilio Romay, tomará a avenida de Castela e pasará pola praza García Naveira antes de penetrar no casco vello.

A entrada no centro histórico é unha das grandes novidades desta edición e obrigou a axustar as carrozas, tanto en lonxitude como en altura, para permitir o paso por Porta da Vila, Travesa, Pescadería, Santiago e a rúa do Castro, vías polas que tradicionalmente se concentra o público para ver os Reis.

Outra das medidas anunciadas é a incorporación dun tramo sen ruído, entre o final da rúa Travesa e o paso por Pescadería e Santiago, co obxectivo de facer a Cabalgata máis inclusiva e atendendo ás peticións de distintos colectivos.

A Cabalgata rematará na praza García Naveira e, a continuación, haberá recepción dos Reis Magos na Aula de Cultura do edificio Liceo. Durante o percorrido está previsto repartir máis dunha tonelada de caramelos aptos para celíacos. A visita das Súas Maxestades a Betanzos porá así o broche final a varios días de presenza no municipio, tras percorrer tamén as parroquias.

Recorrido-Reyes-2026-WEB-1024x724
⚙ Configurar cookies
0.083853006362915