Betanzos incorpora un dos primeiros sistemas avanzados de tratamento de lodos en Galicia

O Concello de Betanzos e Viaqua, empresa concesionaria do abastecemento e saneamento, presentaron hoxe unha nova tecnoloxía para o tratamento de lodos na estación depuradora situada na zona do Porto. A mellora centra a súa atención na instalación dun tornillo deshidratador, un equipamento de última xeración que optimiza un proceso esencial para o bo funcionamento da EDAR e que, ademais, supón un notable aforro enerxético.
Segundo destacou a compañía, a incorporación deste sistema máis robusto e de baixo consumo permite unha xestión máis eficiente dos lodos, á vez que reduce os custos de mantemento fronte ás solucións habituais neste tipo de instalacións. A actuación supuxo un investimento de arredor de 60.000 euros e reforza a fiabilidade dun procedemento considerado crítico.
A alcaldesa, María Barral, que visitou a planta acompañada polos concelleiros de Medio Ambiente e Urbanismo, Andrés Hermida e Diego Fernández, e por persoal técnico de Viaqua, salientou o compromiso conxunto para ofrecer un servizo máis seguro, sustentable e eficiente á veciñanza. Barral lembrou que esta mellora debe completarse con outras intervencións recollidas no Plan director de saneamento de Augas de Galicia. O documento está xa redactado, pero continúa á espera de financiamento por parte da Xunta. A rexedora expresou o seu desexo de que se inclúa na programación de obras, despois de anos de atraso e de que se impulsasen actuacións noutros municipios cuxos plans se elaboraron con posterioridade ao de Betanzos.