Betanzos impulsa un novo espazo social no antigo ambulatorio que incluirá un centro de día

O Concello de Betanzos estuda a creación dun centro de día no edificio do antigo ambulatorio, dentro dun proxecto máis amplo que contempla a posta en marcha dun espazo social compartido con outras entidades da cidade. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, durante unha reunión cos colectivos de maiores que participaron hai uns meses no “Pleno de Maiores”.
“Estamos traballando con outras entidades de Betanzos para crear no antigo ambulatorio un centro de carácter social no que cada unha delas, por separado, poidan desenvolver os seus proxectos nese ámbito social e o Concello o seu que, neste caso, sería o centro de día”, explicou a rexedora.
Barral sinalou que nas últimas semanas mantivéronse contactos con dúas entidades locais ás que lles podería encaixar un espazo coma este para levar a cabo a súa actividade. Esta posible sinerxia abre a porta a que o Concello tamén poida desenvolver o proxecto do centro de día nunha parte do inmoble, que é propiedade da Seguridade Social. “Vamos seguir traballando nesa liña”, engadiu.
Durante o encontro, tamén se avaliou o estado das propostas realizadas polos maiores no pleno específico celebrado meses atrás. A alcaldesa asegurou que “ningunha das propostas aprobadas no pleno de maiores caeu en saco roto”. Segundo indicou, “algunhas están moi avanzadas, noutras estase traballando e outras están aínda pendentes, pero entendemos que todas son importantes para o colectivo e imos intentar que a maior parte delas sexan atendidas, aínda que é imposible facelo todas ao mesmo tempo”.
Unha das demandas máis reiteradas foi a mellora do transporte metropolitano. Sobre este punto, Barral anunciou que trasladará as queixas dos maiores —xunto ás doutros colectivos— á mesa de seguimento do Transporte Metropolitano, prevista para o próximo 1 de xullo. Ademais, avanzou que o Concello estuda a reconversión do servizo de transporte adaptado nunha liña intermunicipal. “Estamos estudando poñer en marcha esta liña, frecuencia da mesma e percorrido, que en todo caso non se pise coas liñas de transporte público que realizan distintos servizos no municipio”, explicou.
Na reunión tamén se trataron outras cuestións, como o acceso ás subvencións municipais en réxime de concorrencia competitiva, ás que estes colectivos poden optar para financiar actividades. Ademais, avanzouse a intención de crear o Consello Municipal de Maiores, que se pretende poñer en marcha no inverno.
En canto a outras peticións formuladas no Pleno de Maiores, Barral confirmou que o encontro de maiores se celebrará no mes de setembro no Pasatempo. Tamén informou de que segue en proceso a licitación do novo pantalán da Tolerancia, e que o Concello prevé instalar aseos públicos tanto na zona portuaria como no Malecón “tan pronto como sexa posible”.