Betanzos impulsa a súa primeira comunidade enerxética para abaratar a factura eléctrica

ACoruñaXa
O proxecto sería pioneiro e busca promover as enerxías renovables e avanzar cara a un modelo máis sustentable
Edificio Liceo onde se sitúan os servizos administrativos do Concello de Betanzos
27 May 2025

O Goberno local de Betanzos levará ao vindeiro Pleno a aprobación da constitución da primeira comunidade enerxética do municipio, baixo o nome de “Comunidade Enerxética do Carregal-Betanzos I”. Trátase dun proxecto pioneiro que ten como obxectivo reducir a factura de consumo eléctrico da veciñanza, promover as enerxías renovables e avanzar cara a un modelo máis sustentable e participativo.

Logo de meses de traballo e xuntanzas informativas co tecido social, o Concello presenta unha proposta coa que veciños e veciñas, autónomos e pequenas empresas poderán beneficiarse do autoconsumo compartido. A iniciativa parte da cesión do uso das cubertas da piscina municipal, o polideportivo e a pista exterior do Carregal, onde se instalarán paneis solares para a xeración de enerxía fotovoltaica.

Segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas, Andrés Hermida, a fórmula escollida é “a dunha asociación sen ánimo de lucro, na que o Concello terá un papel impulsor e garante. Estamos a falar dunha fórmula aberta, flexible e adaptada ao noso territorio. Unha ferramenta que nos permitirá optar a subvencións e fondos europeos, mellorar a eficiencia enerxética dos nosos servizos públicos, reducir custos eléctricos e implicar á veciñanza na xeración de enerxía limpa e propia”.

A comunidade enerxética non suporá gasto público adicional nin require investimento inicial por parte do Concello. Ao contrario, espérase que reduza os custos e repercuta positivamente tanto nas arcas municipais como nos petos da cidadanía.

O proxecto inclúe, ademais, mecanismos de control democrático, acceso aberto e participación social. Tamén contempla medidas específicas para que persoas en situación de vulnerabilidade poidan beneficiarse da enerxía xerada grazas á intervención dos servizos sociais municipais, consolidando así un modelo solidario e inclusivo.

Por normativa, a zona de cobertura inclúe un radio de 2.000 metros desde O Carregal, o que abrangue tamén o centro histórico de Betanzos. Isto permitirá a moitas persoas que residen en vivendas protexidas acceder a unha alternativa enerxética sostible sen necesidade de instalar paneis nas súas casas.

A intención do Goberno local é que esta sexa a primeira de varias comunidades enerxéticas que se poidan desenvolver no futuro, ampliando a cobertura a outras áreas do municipio. O proxecto, que xa se presenta como unha ferramenta transformadora, aposta por un modelo enerxético descentralizado, máis xusto e comprometido co medio ambiente e coa calidade de vida da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.16323709487915