Betanzos impulsa a posta a punto das fontes do Camiño Inglés e abordará a mellora integral da Diana Cazadora

ACoruñaXa
O plan, coordinado coa Asociación do Camiño Inglés, abrangue San Paio, Señora Jesusa, Cristo dos Remedios, Nosa Señora e Ponte Vella, cun investimento próximo aos 30.000 euros
BETANZOS amaño fontes
29 Sep 2025

O Concello, a través da Asociación do Camiño Inglés, puxo en marcha un programa de acondicionamento das fontes públicas situadas no trazado do itinerario xacobeo ao seu paso por Betanzos. Trátase de intervencións que o Goberno local e a entidade consideran prioritarias tanto polo seu valor histórico e patrimonial como polo uso real que manteñen na actualidade, segundo indicou a alcaldesa, María Barral. Dentro do paquete de actuacións figura unha posta a punto da Diana Cazadora, que nos vindeiros días recibirá unha mellora integral: selado interior e exterior do vaso granítico, encintado e rexuntado, optimización da rede de pluviais e drenaxe e pintado da escultura e do conxunto no característico “verde Betanzos”.

En paralelo, avanzan as obras na fonte da Ponte Vella, na zona das Monxas, cun tratamento específico dos elementos en pedra, a recuperación da contorna —pavimento, paramento vertical e reixa en cor negra— e a posta en valor da área axardinada. O proxecto abrangue tamén a fonte de San Paio, onde se acometeu a roza e limpeza xeral de toda a parcela, a retirada de restos a vertedoiro e a recuperación integral da fonte e do pavimento, mellorando os accesos mediante chanzos de pedra semellantes aos orixinais. Na fonte da Señora Jesusa execútase a limpeza xeral do ámbito, o lavado do pavimento de formigón do camiño peonil de acceso ao lavadoiro, a instalación dunha varanda de madeira, novas arquetas de sumidoiro, o encintado dos muretes de pedra e o pintado do conxunto.

Pola súa parte, as fontes do Cristo dos Remedios e de Nosa Señora inclúen limpeza da pedra e do mobiliario urbano do seu contorno, xunto coa reparación de desconchados e aplicación de revestimentos con pintura específica para estas pezas. En conxunto, os traballos supoñen un investimento próximo aos 30.000 euros e enmárcanse no plan municipal de limpeza e acondicionamento de espazos públicos, financiado con recursos propios e con apoio de distintos plans promovidos por outras administracións.

⚙ Configurar cookies
0.10369801521301