Betanzos homenaxea a Dolores Vázquez co premio Úrsula Meléndez de Texeda

Betanzos celebrou unha emotiva homenaxe a Dolores Vázquez, galardoada co premio Úrsula Meléndez de Texeda. O acto, que tivo lugar na aula de Cultura do edificio Liceo, contou coa presenza da alcaldesa, María Barral, concelleiros e concelleiras da corporación municipal e preto de 300 persoas que quixeron arroupar á homenaxeada.
Este premio, aprobado por unanimidade, recoñece cada ano a figura da muller dentro dos actos conmemorativos do 8 de marzo. Durante a súa intervención, a alcaldesa María Barral destacou a importancia do momento, subliñando que era "un día especial porque estamos aquí para facer algo que quizais debiamos ter feito hai moito tempo: recoñecer, honrar e, sobre todo, pedir perdón a unha muller que sufriu unha das maiores inxustizas da nosa historia recente."
Dolores Vázquez sufriu a finais da década dos 90 unha complexa situación persoal marcada por un proceso xudicial inxusto que a levou a ingresar en prisión durante 17 meses ata que se demostrou a súa inocencia. Ademais, foi víctima dun xuízo mediático paralelo que destrozou a súa vida.
Tras este episodio, Dolores Vázquez regresou a Betanzos, cidade na que actualmente reside e onde a veciñanza a recibiu cos brazos abertos, recoñecéndoa como unha máis da comunidade.