Betanzos estrena unha nova Semana do Pincho con doce locais e premios para o mellor bocado

ACoruñaXa
A ruta gastronómica celebrarase do 28 de novembro ao 7 de decembro con pinchos entre 2 e 3 euros e votación popular a través de GastroBetanzos
BETANZOS semana pincho
27 Nov 2025

Betanzos pon en marcha desde mañá, 28 de novembro, unha nova edición da Semana do Pincho, unha proposta coa que o Concello busca dinamizar a hostalaría local e promocionar a gastronomía da cidade. A iniciativa prolongarase desde o xoves 28 de novembro ata o domingo 7 de decembro e contará coa participación de doce establecementos.

Nesta ocasión súmanse á ruta Casa do Queixo, Café Lanzós, Café Segundo, café bar Yocri, Mesón Avenida, Café Bar Plaza, Restaurante Cho, Restaurante Casanova, Bar Kutako, Vinoteca Versalles, La Travesía Vinos e Adega O Pino. Cada un deles ofrecerá unha creación propia cun prezo que se moverá entre os 2 e os 3 euros.

A organización establecerá dous galardóns: o premio ao mellor pincho, decidido por un xurado que visitará os locais ao longo da semana, e o premio do público. Os cinco petiscos mellor puntuados polo xurado profesional pasarán á final do domingo 7.

O premio popular sairá dos votos das persoas que degusten pinchos en, polo menos, cinco dos doce bares e restaurantes adheridos. Para participar poderase cubrir un boleto físico, que deberá ir selado en cinco locais distintos, ou votar a través da app GastroBetanzos escaneando o código QR de cinco establecementos participantes.

Entre todas as persoas que emitan o seu voto sortearanse tres experiencias gastronómicas para dúas persoas nalgún dos Restaurantes da Biosfera, cinco lotes de produtos de Coca Cola e tres vales de 50 euros patrocinados por Quaroni para consumir nos tres primeiros clasificados no ranking da app GastroBetanzos.

A oferta gastronómica desta Semana do Pincho inclúe propostas como un 'Bocado do País' elaborado con cabeza de porco e queixo, o 'Saquiño Lanzós' de bacallau, un 'Kausay á Galega' con pataca, lima, polbo e pimentón, un 'bikini doce' con queixo e pera, 'lingua estofada' con patacas, o petisco 'doce e salgado' con chourizo, queixo e mel, un 'mini bocadillo' de froitos do mar con peixe, bivalvos e lima, unha 'tella de lagostino', un pincho de 'cabeza de xabaril', un taco 'torresino' e un 'nigiri de ventresca' con toque de brasa.

⚙ Configurar cookies
0.080156087875366