Betanzos estrea 'A casa da luz' no Cine Alfonsetti con coloquio co director e o produtor

ACoruñaXa
A película, rodada na cidade e rematada en 2010, proxectarase o venres 23 de xaneiro ás 20.00 horas nunha sesión organizada por Lar de Unta e o Concello
BETANZOS a casa da luz
Fotograma da película. Alfonso Parra
21 Jan 2026

O Cine Alfonsetti de Betanzos acollerá o venres 23 de xaneiro de 2026, ás 20.00 horas, a estrea na cidade do filme 'A casa da luz', dirixido por Carlos Amil. A proxección está promovida pola Asociación Lar de Unta en colaboración co Concello de Betanzos e preséntase como unha cita especial para o público familiar e para as persoas afeccionadas ao cinema galego.

A longametraxe, rodada en Betanzos e finalizada no ano 2010, leva á pantalla a historia baseada na novela homónima de Xabier Docampo e foi recoñecida co Premio do Público Infantil na quinta edición do Festival Internacional de Cinema para Nenos de Galiza (2012). A proposta combina aventura e memoria: un grupo de rapazas e rapaces achégase ao mundo da arte e ao recordo da guerra dun tempo pasado, cun papel destacado de referencias artísticas como Dalí, Escher ou Paolo Uccello.

Ao remate da sesión, o público poderá participar nun coloquio coa presenza do director, Carlos Amil, e do produtor, Xoán Xosé Cabanas Cao, unha oportunidade para coñecer como se construíu o proxecto e o proceso creativo detrás da adaptación.

⚙ Configurar cookies
0.067148923873901