Betanzos envórcase con Carlos Arévalo tras retirarlle a praza para o Mundial de Milán

O Concello remitiu á Real Federación Española de Piragüismo as preto de 1.500 firmas de apoio a Carlos Arévalo que en apenas uns días recolléronse tanto nas oficinas municipais como en distintos establecementos comerciais que quixeron sumarse á campaña. Xunto ás firmas, a alcaldesa remitiu un carta ao presidente da Federación, Javier Hernanz Agüería, na que lle traslada o “malestar” da corporación municipal e, por extensión, do municipio que representa, ante a decisión tomada pola Real Federación Española de Piragüismo de retirar a praza no K1 200 para o Mundial de Milán ao medalla olímpica e fillo predilecto de Betanzos, Carlos Arévalo.
Desde o Concello, indica Barral, “considero que se trata dunha decisión inexplicable, xa que Carlos Arévalo gañou lexitimamente a súa praza para estar no K1 200 en Milán tanto na proba da Copa do Mundo disputada en Szeged como no campionato de Europa de Racice, onde, en ambas, obtivo medalla de bronce, uns resultados que lle fan merecedor de competir en Milán".
Por esta razón, a primeira edil roga ao presidente unha rectificación urxente na decisión tomada de maneira unilateral “á vista dos resultados obtidos polo noso medallista betanceiro que avalan a súa participación no Mundial de Milán en K1 200 a maiores da que teña, por propios méritos, no K4 500”.
Barral entende que se está a tomar unha decisión, “sen fundamento, desde o meu punto de vista”, que afecta directamente á carreira dun deportista que fixo todo o que estaba na súa man para estar nesa proba individual. “Ao apartarlle do seu dereito para estar na proba, creo que a Federación está a dar unha mensaxe errónea á opinión pública en canto a que importa ben pouco o esforzo que un deportista faga para estar onde os resultados deportivos din que ten que estar”.
Ademais de pedirlle que reconsidere a súa postura, a primeira edil anexou as preto de 1500 firmas recollidas durante apenas uns poucos días no Concello e establecementos comerciais, “o que reflicte o apoio que Carlos Arévalo ten dos seus conveciños e a equivocación e inxustiza que están a comer con esta decisión”.
O vindeiro luns, día 21, a Corporación Local tamén ten previsto celebrar un Pleno de apoio a Carlos Arévalo.