Betanzos entregará o XVII Premio Úrsula Meléndez de Texeda a Dolores Vázquez Mosquera

O vindeiro 23 de marzo, o Concello de Betanzos entregará o XVII Premio Úrsula Meléndez de Texeda á veciña betanceira Dolores Vázquez Mosquera. Este recoñecemento, que cada ano pon en valor a figura da muller no marco dos actos conmemorativos do 8 de marzo, foi aprobado por unanimidade na última Comisión Municipal de Nomenclátor, á que asistiron os grupos municipais do PSOE, PP, BNG e os non adscritos.
Dolores Vázquez sufriu unha das situacións persoais máis complicadas a finais da década dos 90, cando foi sometida a un proceso xudicial inxusto que desembocou nun ingreso en prisión de 17 meses, ata que se demostrou a súa inocencia. Un xuízo mediático paralelo tamén tivo un impacto devastador na súa vida, algo que a cidade de Betanzos soubo entender cando regresou anos despois ao seu lugar de orixe, onde foi recibida como unha veciña máis.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou que este premio busca, aínda que simbólicamente, recoñecer a injustiza que sufriu Dolores Vázquez e reflexionar sobre o trato inxusto que a sociedade lle deu naquel momento. Barral subliñou que, a pesar de que ninguén poderá devolverlle as penurias e as perdas que tivo que soportar, “polo menos, este recoñecemento axudará a reparar en parte o dano sufrido e a transmitir a mensaxe de que a sociedade non pode e non debe dar pasos atrás na conquista de dereitos e liberdades”.
Indican desde o Concello que, a pesar de ter sido exonerada de toda culpa, Dolores Vázquez aínda non recibiu ningún tipo de indemnización polo prexuízo ocasionado polo seu proceso xudicial e mediático.
Este acto, ademais de rendir homenaxe a Dolores Vázquez, é tamén un recordatorio de que as administracións locais deben seguir loitando por unha sociedade máis xusta e respectuosa cos dereitos e sentimentos de cada persoa.