Betanzos énchese de jazz coa celebración da décimo cuarta edición do BetanzJazz

Betanzos será o epicentro do jazz galego coa celebración da décimo cuarta edición do BetanzJazz, unha cita musical consolidada que se desenvolverá mañá sábado e o domingo na praza da Constitución.
A alcaldesa, María Barral, salientou que se trata dunha proposta que gaña adeptos ano tras ano ata converterse nun dos eventos imprescindibles do verán betanceiro, cun formato que permite achegar ao público novas expresións da música improvisada contemporánea, sempre mantendo o espírito do swing e o protagonismo da improvisación, sinais de identidade do festival.
As actuacións comezarán esta noite de sábado 19 de xullo ás 21.30 horas co concerto de Gabi Triana Quintet, un proxecto liderado polo cantante coruñés Gabi Triana que aposta por un estilo suave, próximo e melódico, cun ton íntimo e desenfadado a partes iguais. A formación ofrece un repertorio que lembra os estándares vocais americanos de principios e mediados do século XX, pero cunha sonoridade propia que combina jazz clásico, jazz moderno, rhythm & blues e bossa nova, grazas aos arranxos de Miguel González e Alber Grela. O seu espectáculo promete un jazz con influencias latinas e blues, adaptado tanto a espazos recollidos como a grandes escenarios.
O domingo 20 de xullo será a quenda para Colectivo Zafra, un grupo formado por seis músicos altamente cualificados que interpretan un repertorio orixinal maioritariamente composto e arranxado polo seu baixista e contrabaixista Charly Drop, complementado con versións de pezas icónicas do jazz latino seleccionadas para ofrecer ao público unha experiencia renovada e entretida. Colectivo Zafra busca transmitir vivencias e emocións a través da música, combinando sacrificio e paixón nunha posta en escena de primeiro nivel.
O BetanzJazz+ mantense así como unha xanela aberta ao diálogo entre as músicas do mundo e a improvisación galega actual, ofrecendo unha programación pensada para achegar ao público propostas de calidade cunha identidade propia.