Betanzos convoca o Concurso de Carteis de Nadal 2025 dirixido ao alumnado dos centros educativos

O Concello de Betanzos abriu a convocatoria do Concurso de Carteis de Nadal 2025, unha iniciativa dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e diversidade funcional do municipio. O certame busca fomentar a creatividade da rapazada e involucrala na ambientación das festas a través dunha proposta artística centrada na temática do Nadal.
As bases establecen que os carteis deberán elaborarse en formato 40x30 cm e en calquera técnica artística. As creacións poden presentarse tanto de maneira individual como en grupo, sempre que representen ao alumnado dos centros participantes. Todas as obras serán expostas no Edificio Arquivo, onde permanecerán visibles entre o 2 de decembro e o 10 de xaneiro.
O cartel gañador, seleccionado por un xurado composto pola alcaldía e por representantes do profesorado dos centros, converterase na imaxe oficial do XLIII Programa de Festexos de Nadal e Aninovo do Concello de Betanzos. Ademais, outorgarase un único primeiro premio en forma de material didáctico para o autor ou autora da obra elixida.
O prazo para entregar os deseños remata o luns 24 de novembro, e a participación no concurso implica a aceptación das bases.