Betanzos convértese no epicentro do emprendemento feminino coa Escola Itinerante Juana Millán

ACoruñaXa
O evento combina un encontro profesional a porta pechada cunha feira aberta á cidadanía
betanzos-xornada
23 May 2025

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, deu a benvida ás participantes da Escola Itinerante de Emprendedoras Juana Millán, que fai parada en Galicia cun programa de dous días centrado na economía feminista e sustentable. O evento, que se desenvolve no Edificio Liceo, combina un encontro profesional a porta pechada cunha feira aberta á cidadanía este sábado.

A xornada de hoxe estivo orientada a fortalecer a rede de apoio ao emprendemento feminino a través dun espazo de traballo compartido entre técnicas e emprendedoras. Baixo o título 'Mulleres emprendedoras e a súa contorna. Unha economía con nome propio', o encontro serviu para o intercambio de experiencias e aprendizaxes, creando sinerxías arredor dunha economía máis inclusiva e comprometida co territorio.

Será mañá, sábado 24, cando o Liceo abra as súas portas á feira 'Imos de Fiada', un mercado de emprendedoras que reunirá máis de 35 proxectos liderados por mulleres. Desde as 11.00 ata as 20.00 horas, o público poderá coñecer produtos e servizos diversos nun ambiente cheo de cultura, creatividade e colaboración. A feira tamén contará con obradoiros, música en directo e actividades pensadas para todas as idades.

A Escola Itinerante, organizada pola Escola de Emprendedoras Juana Millán en colaboración co Concello de Betanzos e 50pés Consultoras, é unha proposta que percorre o Estado promovendo o emprendemento con perspectiva feminista e comunitaria. En palabras das organizadoras, aposta por “unha forma de emprender centrada nos coidados e na Economía Social e Solidaria, convencidas de que outro modelo económico é posible e necesario”.

 

⚙ Configurar cookies
0.091775894165039