Betanzos contará cunha rede de wifi gratuíta no centro histórico

ACoruñaXa
O Concello de Betanzos implantará unha rede wifi gratuíta no centro histórico.
centro-betanzos
12 Out 2024

O Concello de Betanzos implantará unha rede wifi gratuíta no centro histórico. Trátase da primeira zona que contará con este servizo para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías ás persoas comerciantes, visitantes e á cidadanía; situando puntos de acceso wifi en zonas con capacidade de atracción de clientes das zonas comerciais, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

Os traballos están incluídos no proxecto de “Revitalización do comercio de Betanzos” mediante a conexión dos tres eixos comerciais: Mercado Municipal, Centro Comercial Aberto e Mercado non Sedentario para a creación dunha oferta cohesionada, diferencial e sustentable”.

Este proxecto está financiado nun 80% polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, con fondos do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (Next Generation EU).

A empresa adxudicataria deberá realizar a subministración, instalación, posta en marcha e soporte á explotación dunha rede wifi que dea servizo a diferentes puntos, interiores e exteriores, dos tres eixes comerciais do municipio.

A localización definitiva acordarase, de maneira consensuada entre a empresa adxudicataria e o persoal técnico do Concello. Está previsto que haxa 11 puntos de acceso (2 de interior e 9 de exterior) e un controlador. En principio estarían situados no interior do Concello, interior do mercado e en diferentes localizacións do centro comercial aberto. En calquera caso, a localización definitiva dos puntos de acceso, segundo explicou María Barral, concretarase na fase inicial do proxecto.

Calistenia

O Concello disporá da primeira zona de calistenia no parque Pablo Iglesias. Os traballos de instalación dos xogos acaban de saír a contratación por un importe duns 40 000 euros. Os traballos están incluídos no programa de equipamentos deportivos que prevé tamén actuacións en pistas polideportivas.

Será a primeira zona de calistenia que se completará cunha segunda na zona do Carregal. A de Pablo Iglesias estará situada no espazo que ata agora ocupaba a zona infantil, con apenas uso e cuxo contorno se atopaba deteriorado polo paso do tempo. Colocaranse en lugar dos antigos xogos infantís diversos elementos de calistenia e un novo chan, tamén de caucho. O lugar foi elixido tendo en conta as achegas realizadas pola veciñanza que practican deporte, habitualmente, na zona do porto ou do parque Pablo Iglesias.

0.3670768737793