Betanzos contará cunha área recreativa na Condesa
O goberno local de Betanzos acaba de sacar a contratación a construción dunha nova área recreativa na zona da Condesa que terá como obxectivo a recuperación dunha franxa de zona verde situada entre a urbanización e a N-VI.
O obxectivo, segundo indicou a alcaldesa, María Barral, non é outro que recuperar un espazo que co paso do tempo se foi degradando e “que debe de ser aproveitado pola veciñanza de Betanzos en xeral e a da Condesa en particular, dotándoo de mobiliario urbano e dun espazo acorde para o esparexemento”. Estará incluído nun plan de actuación que levará a cabo xunto coa Deputación Provincial. Suporá un investimento de 219.947 euros.
O proxecto incluirá a instalación de bancos e mesas, ademais de novas especies arbóreas; a limpeza de toda a zona, e a creación dun carreiro peonil. Nesa mesma zona, hoxe en día, existen tuias, plantadas hai anos, que serán talladas na parte central da parcela. Na zona norte, onde tamén existe este tipo de especie, podaranse para formar un sebe que servirán de pantalla sobre as inmediacións da N-VI.
Como complemento a estas actuacións, o goberno local tamén realizará unha mellora da praza Enrique Riego, a zona central da Condesa, para ordenar os diferentes espazos de xogos para os máis pequenos e pequenas, e dotar ademais a zona de mobiliario urbano e realizando diversas actuacións de accesibilidade.
Esta obra prevé a reparación de pavimento, e a creación dun pequeno circuíto para bicicleta dirixido aos nenos e nenas con pavimento adecuado para patinar ou para percorrelo nas cadeiras de rodas, con sinais de tráfico en todo o percorrido.
Delimitarase unha zona con mobiliario urbano para xogos con pelota e que este tipo de actividade, para goce dos pequenos e pequenas, se poida conciliar coa presenza de maiores; e a creación dunha zona para xogos infantís tradicionais, pintados no pavimento. Colocaranse varandas, en escaleiras, ramplas e xardineiras de árbores de loureiro ademais de mellorar as bancadas de formigón da praza. O obxectivo último é humanizar toda a superficie da urbanización.
Ademais deste proxecto, dentro do mesmo plan en colaboración coa Deputación, cun investimento total de 220 000 euros, o Concello tamén sacou a licitación o acondicionamento da parcela do antigo invernadoiro municipal de Bellavista que albergará a principios do vindeiro ano un total de 68 hortos urbanos, divididos en camiños peonís, e en cada un deles haberá un armario de madeira para almacén, e na parcela unha zona de compostaxe para uso xeral con compostadores. Tamén se instalarán tomas para rega e delimitarase o chan de cada parcela.
O uso dos hortos estará regulado a través de regulamento, onde virá reflectido a organización dos espazos, as normas que rexerán o seu funcionamento así como as obrigas das persoas as que se lles concederán as parcelas.