Betanzos contará cun centro museístico permanente sobre o Reino de Galicia

ACoruñaXa
A iniciativa contempla a rehabilitación integral do inmoble, que tamén acollerá a futura Oficina Municipal de Turismo
betanzos-reino-galicia
16 Jun 2025

O Concello de Betanzos e a Deputación da Coruña veñen de asinar un protocolo de intencións que permitirá poñer en marcha unha exposición permanente sobre o antigo Reino de Galicia no edificio que actualmente alberga a Policía Local. A mostra converterase, segundo destacou a alcaldesa María Barral, en “a exposición ou centro museístico permanente máis importante de Galicia sobre o antigo Reino de Galicia e un polo máis de atracción para visitar o casco histórico”.

A iniciativa contempla a rehabilitación integral do inmoble para transformalo nun espazo museográfico moderno e accesible, que tamén acollerá a futura Oficina Municipal de Turismo. O compromiso adquirido polo Concello inclúe a redacción e execución do proxecto de reforma, adaptando o edificio ás necesidades técnicas e espaciais dun centro expositivo permanente, con espazos diáfanos e plenamente accesibles.

Pola súa parte, a Deputación encargarase de iniciar o procedemento de contratación para o deseño museográfico da exposición, que se axustará ás características do novo espazo habilitado polo Concello.

A alcaldesa explicou que a sede actual da Policía Local pasará a albergar dúas áreas diferenciadas: por unha banda, o centro museístico dedicado á historia do Reino de Galicia, cunha zona documental permanente e salas para conferencias e actividades culturais; e, por outra, o novo Centro de Información Turística (CIT), que se trasladará desde o edificio Liceo. Este último espazo quedará integrado no acceso ao edificio histórico, recuperando así o seu valor patrimonial e funcional.

O acordo foi formalizado pola alcaldesa María Barral e a deputada de Cultura, Natavidad de Jesús González Rodríguez, nun acto que marca un novo paso na aposta de Betanzos pola posta en valor do seu patrimonio histórico e a dinamización cultural e turística do municipio.

 

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.15909004211426