Betanzos consolídase como referente do verán galego cun impacto económico de máis de 24 millóns de euros

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, fixo unha valoración moi positiva do verán, que cualificou como un dos mellores dos últimos anos tanto pola participación veciñal como pola chegada masiva de visitantes. Eventos multitudinarios como a Feira Medieval, con arredor de 150.000 asistentes, ou o Día do Globo, que reuniu outras 50.000 persoas, xunto ás actuacións musicais de orquestras como Panorama, Olympus e París de Noia, o concerto de Budiño ou o tributo a ABBA, situaron á cidade no mapa cultural e festivo de Galicia. A programación completouse coas tradicionais xiras a Os Caneiros, o ciclo Mariñas Sound, o festival do Pasatempo, a Semana de Cine e diferentes propostas de música e teatro na rúa.
Segundo explicou Barral, a constante afluencia de público desde o mes de xuño tivo un reflexo directo na economía local, cun impacto estimado en máis de 24 millóns de euros. A rexedora destacou que este resultado vai moito máis alá das cifras: supón emprego, dinamización do comercio e a hostalaría, reservas en hoteis e vivendas turísticas, movemento no sector do taxi e da restauración, e actividade en numerosos servizos asociados. 'Cada euro investido en cultura e tradicións retorna en oportunidades e en riqueza para a cidade', sinalou a alcaldesa, quen agradeceu a colaboración de comerciantes, hostaleiros, asociacións e colectivos, así como a participación activa da veciñanza.
Barral incidiu en que Betanzos se consolida como un dos destinos máis atractivos do verán galego, cunha oferta que combina tradición, historia, gastronomía, comercio e turismo. 'Seguiremos traballando nesta liña para que estas cifras continúen medrando de maneira sostible e para que cada visitante se converta nun embaixador da nosa cidade', concluíu.